martes, 30 de outubro de 2018

A crítica literaria


 
 
 
Unha crítica literaria é unha opinión razoada sobre unha obra literaria: unha novela, un álbum ilustrado, un poema… 
 
            O seu propósito é deixar constancia de se merece a pena ler, ou non, o libro, álbum ilustrado, obra teatral… que vas comentar.
 
Aspectos que hai que destacar:
 
  1. Pódese comezar coa presentación do libro: novela, álbum ilustrado, cómic, teatro, poesía… e  sinalar que tipo de temática se trata (social, misterio, terror, amor, humor….
  2. A continuación búscase expor de xeito preciso o conxunto de aspectos que se desexan destacar, o tema principal, personaxes destacados, estrutura ou calquera que sexa. Non deas demasiados detalles e nunca digas o final.
  3. Por último, emítese un breve xuízo persoal destacando os aspectos positivos ou negativos do mesmo. É neste momento cando podes incluír as reflexións persoais que creas oportunas, debido que ata este momento, a función do texto debe ser fundamentalmente informativa.
Aquí podes contar que che transmitiu o libro, que significou para ti, que sentiches ao lelo ou a que lectores llelo recomendas e por que…
.
Que a crítica non che saia nin demasiado longa, nin demasiado curta. Se ocupa máis de media páxina, talvez esteas dando moitos detalles; e se son só un par de parágrafos, probablemente esteas contando demasiado pouco. 
 
Revísaa!  É importante que  estea ben construída e redactada, que nos informe do libro sen destripar o argumento e que , ao lela, nos dea a todos moitas ganas de lelo tamén, ou non.

luns, 22 de outubro de 2018

CONSELLOS PARA LER UN POEMA SEN DESTROZALO POLO CAMIÑO


LER UN POEMA EN PÚBLICO?!  QUE HORROOOOR!!!  SOCORRO!!!

Ben, tranqui, con calma; xa que te ves no apuro de ler en público un artefacto de palabras chamado poema, escoita, medita e usa as seguintes instrucións:

a) ante todo, FAITE AMIGO OU AMIGA DO TEXTO; a primeira vez que o leas, seguramente non entenderás nada ou case nada, e perderaste  mil veces; por iso, repite a lectura cantas veces necesites, ata que che soen as palabras, ata que saibas onde van colocadas e como soan; se hai algunha palabra que se che resista, recítaa ata que che escape da boca case sen pensala, como un peixe esvaradizo.

b) BÚSCALLE UN SENTIDO (UN SIGNIFICADO) AO TEXTO, algo que che axude a entender de que vai; se hai palabras que non coñeces, búscaas no dicionario ou pregúntalle ao profesor ou profesora.

c) TRATA CADA PALABRA CON COIDADO, COMO SE FOSE DE CRISTAL: cada vez que te equivocas ou te atascas na pronuncia dunha palabra é como se escachases o texto en mil anacos; tes que mimar as palabras, agarimalas coa voz, facer que soen fluídas como a corrente dun río (cada vez que te paras demasiado nunha palabra, é como se a matases, como se lle quitases a música que garda en cada sílaba)

d) CONTROLA A VELOCIDADE: ler ben  significa respectar as normas de circulación, sen pasarse dos límites máximos de velocidade, pero sen camiñar como unha tartaruga (hai que levar un ritmo medio, para que a xente que nos escoite entenda o que cantamos).

e) REGULA O VOLUME DO APARATO:  a túa ferramenta de traballo é a voz; procura que se te escoite ben, pero sen berrar; mira que non se che vaia apagando a radio, porque non estás lendo para ti só (tes un público de orellas abertas ansioso por devorarche a voz)

f) NON DEIXES DE RESPIRAR: ollo piollo con isto! Se quedas sen aire (por non saber facer pausas, descansos) afogas seguro, e se afogas, mandas o poema ao fondo do mar, como se che pesase a voz e xa non tiveses forza para levar os sons lixeiriños como aire dun globo.

g) ATENCIÓN AOS SINAIS DE TRÁFICO: os teus sinais de tráfico son os signos de puntuación; failles moitísimo caso, e xa verás o ben que conduces o ritmo do poema. E se non hai puntuación, guíate polos cortes do poema (cambios de verso)

h) NON TEÑAS VERGOÑA DA EMOCIÓN: un poema ten algo de ser vivo; non é unha receita médica nin unha fórmula matemática nin un cadáver de letras; fala de emocións humanas, e hai que sentilas un pouquichiño para que non se nos durma o persoal. E se queres pistas sobre onde está a emoción, fíxate nos signos de interrogación e admiración, que che marcan o matiz da voz, o ton do son bailón.

i) Por último, ANTE TODO MOITA CALMA; non te deixes levar polos nervios, nin esteas pendente dos demais; céntrate e concéntrate no poema, mira só para el, non te rías como un pallaso, pero tampouco te acovardes como un ratiño asustado; e lembra que ninguén nace aprendido, e que isto sae mellor coa práctica, pouco a pouco, con paciencia

martes, 9 de outubro de 2018

Exercicios sobre os substantivos




1.- Reescribe as oracións substituíndo as palabras destacadas por un substantivo abstracto:

.- Conquistou o título co seu esforzo
.- El é moi humilde
.- Aprende todo rapidamente
.- Ten actitudes xustas
.- O mundo precisa de persoas boas
.- Xurou que non mentira
.- Esperaba que as cousas mellorasen


2.- Agora completa os ocos con substantivos abstractos:

.- Os problemas coa _____________ afectaron á distribución das leguminosas.
.- Zika é unha _______________ causada polo mosquito da dengue.
.- A ________________ ambiental destrúe o medio ambiente.
.- O aprendiz amosou ter grandes _______________.
.-  Eu xa falei e dei a miña ______________
.- A ________________ foi tranquila. Iso porque o mar estaba calmo.
.- A costureira tirou todas as miñas ________________.
.- Moita ____________ foi feita ao longo do curso.
.- No Nadal, o clima é de _______________


3.- Indica cales son os substantivos abstractos que lles corresponden ás seguintes palabras:

.- Branco
.- Xove
.- Malo
.- Feo
.- Delicado
.- Certo
.- Doce
.- Escuro
.- Extenso


4.- Indica tres substantivos concretos para cada grupo:

.- Nomes de lugares
.- Nomes de institucións
.- Mobiliario
.- Personaxes folclóricas
.- Obxectos



5.- Procura neste texto 3 substantivos comúns e 3 substantivos propios:

O anuncio do vencedor do Premio Nóbel de Literatura de 2016 sorprendeu a moitas persoas. O día 13 de outubro, a Academia Sueca anunciou que o astro norteamericano da música pop, Bob Dylan, era o premiado.
A escolla foi recibida con pouca receptividade por algúns e con alegría e recoñecemento por moitos. estes consideran que a escolla inusitada reflicte un avance na forma de entender a arte literaria.
As manifestacións negativas xiran xustamente polo feito de  Dylan ser músico e, apesar de poeta, non ser escritor de oficio.
A Academia Sueca, a responsable pola sección do escritor, declarou que a escolla levou en conta a creación de novas expresións poéticas.


6.- Indica cales dos substantivos destacados son primitivos e cales son derivados:

.- Parece que ama o papel. A súa mesa está chea de papelame
.- Caeron pedras na estrada. Algúns son auténticos pedrolos
.- Plantamos cada unha desas árbores. Hoxe temos unha arboreda
.- Comprei estes zapatos na nova zapatería
.- Escolleu unha profesión que está demasiado chea de profesionais
.- Os funcionarios teñen funcións diferentes
.- A ferradura está feita de ferro.


7.- Indica substantivos derivados a partir destes substantivos primitivos:

.- Xornal
.- Teléfono
.- Casa
.- Libro
.- Carta


8.- Indica cales dos seguintes substantivos son compostos:

.- Xirasol
.- Pasatempo
.- Extraoficial
.- Semianalfabeto
.- Lobishome
.- Bombón

Formación do plural



- As palabras rematadas en ditongo, vogal ou en –n engaden -s:

lei   -   leis
avó   -    avós
can  -    cans

- As palabras rematadas en consoante distinta de –n ou –s engaden –es:

Flor -  flores


- Os substantivos rematados en –s:

. Se son agudas engaden –es:
Siamés  -   siameses

. Se rematan en grupo consonántico, se son graves ou esdrúxulas, permanecen INVARIABLES, é dicir, presentan sincretismo.
o luns  -    os luns
o lapis   -    os lapis
o mércores   -    os mércores


- Os substantivos rematados en –l:

. Os monosílabos fan o plural engadindo –es

mel   -   meles

. As palabras graves engaden –es

túnel  -   túneles

. As palabras compostas con algún destes monosílabos engaden –es

ollomol  -    ollomoles

. As palabras agudas quitan o –l e engaden –is

animal  -  animais

- Os substantivos rematados en –x presentan sincretismo, polo que o número vén indicado polo artigo

o tórax   -    os tórax

- Os cultismos e os préstamos que rematan en calquera outra consoante, engaden -s

club  -   clubs
lord  -    lores


- Plural das palabras compostas:

. Se os dous compoñentes non están perfectamente soldados, o plural faise nas dúas palabras:

garda civil    -    gardas civís

. Se o composto está constituído por unha forma verbal ou palabra invariable e outro elemento, ou se os dous elementos están separados por un guión, só este segundo elemento vai en plural:

norte-africano    -     norte-africanos
galego-falante     -     galego-falantes

. Nas construcións con preposición só o primeiro elemento vai en plural:

estrela de mar   -      estrelas de mar

. Cando os dous elementos son substantivos e van separados, de maneira que o segundo modifica o primeiro, só recibe marca de plural o primeiro elemento:

sofá cama    -      sofás cama
cidade xardín     -        cidades xardíns

luns, 8 de outubro de 2018

Formación do Feminino



- Cando o masculino remata en vogal átona, fórmase o feminino cambiando o –o final por un  –a:

avogado – avogada
presidente – presidenta

- Se o masculina remata en vogal tónica, o feminino fórmase engadindo un –a:

avó – avoa

- Se o masculino remata en consoante distinta de –n , engádese un –a:

pastor – pastora

- Se o masculino remata en –ín, engade un –a:

pescantín  -  pescantina

- Se o masculino remata en –eu, cambia esta terminación por  –ía:

xudeu  -  xudía

- Se o masculino remata en –ón, desaparece o –n final e engade un –a:

patrón -  patroa

Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ona:

abusón -  abusona

- Se o masculino remata en -án, o feminino fórmase coa desaparición do –n final:

irmán – irmá

Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ana:

lacazán -  lacazana

- Ás veces, o feminino fórmase cun morfema derivativo:

actor -  actriz
rei  -   raíña

- Noutras ocasións, a oposición de masculino /  feminino   é a base de semantemas diferentes:

cabalo  -  egua
home  -  muller

- Ás veces, a oposición de xénero dáse só mediante o artigo:

o artista   -   a artista

- Con algúns animais, cómpre engadir ao seu carón a palabra “macho” ou “femia”:

leopardo macho  - leopardo femia


A oposición de xénero pode servir para:

-          Diferenciar seres polo sexo: o boi -  a vaca
-          Diferenciar seres polo tamaño ou pola forma externa. O feminino adoita designar o ser de maior tamaño: o cesto  -   a cesta
-          Diferenciar entre individual e colectivo:  o gran  -   a gra

O xénero do Substantivo



O xénero é un signo gramatical que leva todo substantivo. Polo xénero os substantivos poden ser masculinos ou femininos. Polo xeral, os substantivos te­ñen un só xénero: ou son masculinos ou son femininos. Non obstante, hai substan­tivos que admiten a variación de xénero e, xa que logo, poden estar en masculino ou en feminino. Exemplo:     

avogado/avogada
xudeu/xudía

A adscrición a un xénero ou a outro vén indicada pola concordancia que o substantivo lles impón aos outros elementos do sintagma nominal:
- Os substantivos masculinos combínanse coas formas masculinas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
o teléfono vermello
o rapaz alto

- Os substantivos femininos combínanse coas formas femininas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
a ponte vella
a vaca rubia

Son masculinos


·        Os nomes das letras:

o a, o be, o ce, o gue, o e, o xe, o uve...

·        Os substantivos rematados en  -ote:

o lote, o dote...

·        Os rematados en  -ume:

o fume, o cume...  (pero a pesadume, a servidume)

·        Os substantivos rematados en  -me:

o abdome, o exame, o arame...

·        Outros coma o leite, o mel, o fel, o sal, o sinal, o labor, o nariz, o sangue, o berce, o la­bor, o sorriso, o ubre, o cárcere, o cal...


Son femininos


·        Os substantivos rematados en   -axe:

a homenaxe, a porcentaxe, a paisaxe, a sondaxe... excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe (que tamén pode ser feminino).

·        Os substantivos rematados en  -se,  -ite:

a análise, a crise, a énfase, a farinxite, a hepatite, a dermatite...

·        Os seguintes substantivos: a árbore, a arte, a canle, a calor, a cor,  a dor,  a orde, a orixe, a vertixe, a pantasma, a ponte, a síndrome, a suor...

·                 A maioría das árbores froiteiras, o mesmo que a froita que dan: a maceira, a cerdeira, a pereira, a nogueira, a ameixeira, a claudieira, a laranxeira...
        Se o nome da froi­ta é masculino, polo xeral o nome da árbore tamén o é: o limoeiro-o     limón, o pexegueiro-o pexego.
         Son excepcións:    a figueira-o figo,     o castiñeiro-a castaña.