martes, 8 de xaneiro de 2019

Pronome persoal

 http://cotovia.org/proxecto/mor/mor_ud4_01.html?orix=ud4&tema=mor_ud4_01.html

Os pronomes persoais son palabras variables que empregamos para referirnos ás tres persoas do discurso ( a quen fala, a quen escoita e a aquela persoa ou cousa da que se fala).

Fronte ao resto dos pronomes, os persoais caracterízanse por:
  • Nunca poden funcionar como adxectivos. Deste xeito, mentres que formas como “este” poden ser adxectivos ou pronomes (esta película é moi entretida # esta é un aburrimento) os persoais como “eu” só poden ser pronomes.
  • O seu significado sempre é o mesmo: Se están en 1º persoa o seu significado é “ a persoa que está falando”; se esta en 2ª persoa quere dicir: “quen me está escoitando”; e se está en 3ª persoa significa: “aquela cousa ou persoa da que estou falando”.

Formas tónicas:

1ª persoa 2ª persoa 3ª persoa
Suxeito Con prep. Suxeito Con prep. Suxeito Con prep.
Singular Eu Min
Comigo
Ti
Vostede
Contigo
Ti,
Vostede
El / Ela Si
Consigo

El, Ela
Plural Nós
Nosoutros Nosoutras
Connosco
Nós
Nosoutros
Nosoutras
Vós
Vosoutros Vosoutras Vostedes
Convosco
Vós,
Vosoutros,
Vosoutras
Eles / Elas Si
Consigo

Eles, Elas
Sobre o uso destas formas, debes de ter en conta o seguinte:
  • As formas vostede e vostedes, aínda que son de 2ª persoa (refírense a quen escoita) concordan co verbo en 3ª porque son formas de cortesía:  Vostede é moi amábel ao dicir iso.
  • As formas nosoutros/as e vosoutros/as teñen carácter máis restritivo ca nós e vós, refírense a un grupo do que se exclúe a todos os que non pertencen a el (no grupo de aula, por exemplo,  “nosoutros” poder referirse só ao alumnado e “nós” incluiría tamén o profesor: Profe, a nós tócanos ir agora pero nosoutros preferimos ir mañá).
  • As formas do pronome de 3ª persoa el (es) /ela (s) contraen obrigatoriamente coas preposicións en e de:  Del non me fío, dela si



Formas átonas

1ª persoa 2ª persoa 3ª persoa
C. Directo C. Indirecto C. Directo C. Indirecto C. Directo C. Indirecto
Singular Me Te Che O (lo, no)
A (la, na)

Se
Lle
Plural Nos Vos
Os (los, nos)
As (las, nas)
Se
Lles

Sobre o uso destas formas debes reparar en:
  • Cando van colocadas despois do verbo escríbense pegadas a el, formando unha soa palabra a nivel de acentuación. Así, por exemplo: Díxome que non viña.
  • As formas que usamos para o complemento directo na 3ª persoa son o, a, os, as, mais alternan coas outras variantes do seguinte xeito:
    • As formas lo, la, los, las empréganse despois de formas verbais conxugadas rematadas en –s, despois de infinitivo ou despois dos pronomes nos, vos e lles.
    • As formas no, na, nos, nas empréganse despois de formas verbais rematadas en ditongo.

As formas de 3ª persoa de complemento indirecto  (lle, lles) diferéncianse segundo se refiran a unha soa persoa (lle) ou a varias (lles). En parte de Galicia só se emprega a forma lle para ambos os casos; isto é aceptable no rexistro coloquial mais na lingua estándar débese facer a diferenza:

Díxenlles   a meus pais que a reunión é martes pero   a meu irmán  dixéronlle mércores, vaia lío formamos entre todos!


  • Nas formas de 2ª persoa singular diferenciamos te /che segundo sexa c. directo ou indirecto, mais esta distinción é anulada nalgunhas zonas dialectais dando lugar ao cheísmo ou ao teísmo. Estas particularidades non poden empregarse na variedade estándar, aínda que si no rexistro coloquial nas zonas onde sexa propio.

  • Se, é a forma que se emprega como reflexiva na 3ª persoa, na 2ª e na 1ª hai que usar as formas de c. directo: Asusteime ao velo, Metícheste nunha boa!, Atreveuse ela soa.

  • As formas de c. indirecto de 2ª persoa che e vos (e de 3ª como forma de respecto) empréganse habitualmente como pronomes de solidariedade coa intención de conseguir a implicación afectiva da persoa á que se lle está falando:

Aínda que a súa ausencia non altera o significado da secuencia, debemos procurar usar o pronome de solidariedade, sobre todo no rexistro coloquial, que é cando se dan as condicións de familiaridade precisas. Estas formas, que son propias da lingua galega e non se empregan nas linguas veciñas, engaden na conversa un matiz afectivo moi característico da nosa lingua.


Cando na mesma secuencia coinciden dúas formas átonas (unha de C. indirecto e outra de C. directo) sempre vai primeiro a de C. indirecto e ademais fórmanse as seguintes contraccións:


O A OS AS
ME mo ma mos mas
CHE cho cha chos chas
LLE llo lla llos llas
NOS nolo nola nolos nolas
VOS volo vola volos volas
LLES llelo llela llelos llelas

 


A colocación dos pronomes átonos

https://gl.wikipedia.org/wiki/Colocaci%C3%B3n_do_pronome_%C3%A1tono_en_galego


http://dubidaslgcas.blogspot.com/2006/04/colocacin-do-pronome-tono.html


http://aprendogalego.com/APRENDO/4-pronomebac/colocacin_do_pronome_tono.html

https://gl.wikibooks.org/wiki/Exercicios_de_morfosintaxe_en_lingua_galega/persoal/Colocaci%C3%B3n

Como dixemos antes, ás veces os pronomes átonos van colocados despois do verbo (e escríbense pegados a el) e outras van colocados antes. Pero isto non é optativo, existen unhas regras que son as que rexen esta posición; unhas regras que traen de cabeza aos que non están acostumados a falar en galego,  mais que non supoñen ningún problema para a maioría dos falantes porque xa os usan ben de seu, sen necesidade de estudaren ningunha regra. Con todo, para quen as precisar, estas son as máis básicas:
Xeralmente o pronome vai colocado despois do verbo pero hai unha serie de situacións que obrigan a colocalo antes:
  • Cando a secuencia comeza por “que” ou “porque”. 
    Compara: Seino eu É así porque o sei eu
  • Nos enunciados negativos:
    Compara: Déixocho ver Non  cho deixo ver

  • Nas cláusulas desiderativas:
    Compara: Vereite pronto Oxalá te vexa pronto

  • Cando antes do verbo hai un adverbio (aínda que hai bastantes excepcións):
    Compara: Avisáracho Xa  cho avisara

  • Cando antes do verbo hai un pronome interrogativo ou exclamativo:
    Compara: Queríao! Canto o quería!

  • Cando antes do verbo hai algún pronome indefinido:
    Compara: Quérenlle ben Todos lle queren ben

  • Nas perífrases verbais ten liberdade de colocación:
    Heicho de dar
    Hei de cho dar Hei darcho
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario